cabecera 1080x140

Premio Nacional a la Mejor Labor Editorial Cultural 2008 (Grupo Contexto)

Casares «chega ao cerebro pasando polo corazón» nos contos de «Vento ferido» – La Voz de Galicia

Traducen ao castelán o libro de relatos co que o autor ourensán debutou na literatura en 1967.

Vento ferido é unha das primeiras mostras de modernidade literaria, europea, da nosa narrativa», enxalza Xosé Carlos Caneiro a obra coa que debutou Carlos Casares (Ourense, 1941-Nigrán, 2002) e que vén de publicarse en castelán traducida por Cristina Sánchez-Andrade para o selo madrileño Impedimenta. Na mesma idea incide o editor, Enrique Redel, que considera que o libro fixo entrar a literatura galega na modernidade grazas a esta ducia de relatos que, sostén, están marcados polo fatalismo e a traxedia e nos que poden acharse ecos de autores fundamentais como Juan Rulfo, e o seu realismo máxico, así como de Marguerite Duras e Cesare Pavese.

Caneiro alude tamén á vella cultura de lareira: «Casares foi o mellor contador de historias que deu a literatura escrita e oral. E Vento ferido —incide— é o seu paradigma». O escritor verinés afirma que o lector se atopará, sen dúbida, ante «unha obra clásica», que permanece viva non só pola súa «acertada composición», senón tamén pola visión que ofrece dos tempos escuros da ditadura «coa perspectiva da xuventude e sen caer nos maniqueísmos posteriores —a literatura guerracivilista dos oitenta e noventa —matiza—». Todo isto, di, segue a facer de Vento ferido un libro «poderoso, limpo e contundente».

Redel cre que as razóns que fixeron que este título ocasionara «un verdadero terremoto en el panorama de la literatura gallega de aquel tiempo» seguen a manter a súa vixencia, xa que estes «relatos brevísimos» están gobernados pola brutalidade, o infortunio e a violencia, aspectos que están hoxe moi presentes na sociedade. Tamén hai sitio neles, opón, para o amor, a delicadeza e a tenrura.

«Supoño que como a moitas outras persoas que xa fixemos ou roldamos os cincuenta anos —evoca o xornalista e escritor Xesús Fraga—, a miña primeira lectura de Vento ferido coincidiu neses anos incertos e nebulosos nos que a infancia non acaba de terminar e a adolescencia non se sabe moi ben que é. Nese contexto vital, a lectura dun relato como O xogo da guerra deixou unha pegada moi fonda. A rapazada de Betanzos tiñamos moi preto aínda os nosos xogos de guerra —con pedras— con algunhas cicatrices como recordatorio. É unha sensación moi estraña atopar nun libro o relato duns personaxes que á vez son tan diferentes pero tamén tan próximos a ti e as túas vivencias. E iso foi o que vimos nas páxinas de Casares: o que nos pasou e o que nos puido pasar pero non foi».

A riqueza da escritura de Casares, argúe, reside, entre outros aspectos, en que posibilita distintos niveis de lectura, que encaixan tanto pouco despois da nenez como na idade adulta. «Co tempo, un volve unha e outra vez ao libro: a idade, as experiencias e a vida modifican a túa perspectiva lectora, pero Vento ferido segue ofrecendo argumentos de conexión emocional. Recoñecémonos aínda na desorientación xuvenil, pero xa nos imos achegando á soidade da senectude. Por iso mesmo é un clásico, porque cando o lemos de novo atopamos algo que sempre estivo aí pero non sabiamos. O libro non é un obxecto estático, inmutable, senón que cambia connosco: acompañaranos sempre», subliña.

Esa calidade atemporal non só está cifrada nos temas que aborda Casares. Se hai perdurabilidade nestes relatos é tamén por como están escritos: «Hai neles —reflexiona Fraga— unha economía de expresión e linguaxe, non falta nin sobra unha palabra. Cada peza ten unha función de seu e, con gran eficacia, cumpre o seu cometido: chegar ao cerebro pasando polo corazón».

Con motivo do décimo aniversario do inesperado pasamento de Casares, no 2012, o editor galego afincado en Barcelona Gonzalo Canedo —que faleceu tamén inesperadamente uns meses despois— publicara no seu selo Libros del Silencio un volume que recompilaba todos os contos e relatos do autor ourensán: Narrativa breve completa, que reunía as traducións do propio Casares e mais de Xesús Rábade Paredes.

Vento ferido apareceu en Galaxia en 1967, e Gonzalo Torrente Ballester saudou ledo o seu enxeño xoguetón e perspicaz, a súa graza de fondas raíces que, «se unha se enrosca no corazón, a outra crávase na intelixencia, e dá como resultado iso tan indefinible que é a flor da literatura». Agora chega ao castelán da man da escritora compostelá Cristina Sánchez-Andrade, que —nun breve epílogo á fermosa edición de Impedimenta— celebra o frechazo que provoca unha escritura que é, di, «una píldora concentrada de humor, dramatismo y economía narrativa», pero que, á súa vez, agocha «un formidable ejercicio de estilo y de madurez técnica». Malia súa forte vontade experimental, concede Sánchez-Andrade, hai nesta recompilación de contos un alento nidiamente oral, case como se fosen pensados e elaborados para ser escoitados «a carón do lume».

—H.J. Porto, La Voz de Galicia, 25 de octubre de 2022