cabecera 1080x140

Premio Nacional a la Mejor Labor Editorial Cultural 2008 (Grupo Contexto)

«Viento herido», tradución ao castelán para conquistar lectores para Casares – La Voz de Galicia – 29 de octubre de 2022

A edición da ópera prima do escritor, presentada este venres no Liceo de Ourense, está a venda

Acadar novos lectores para unha obra que marcou un fito na literatura galega moderna. A ópera prima de Carlos Casares (1941-2002), Vento ferido (1967), edítase agora en castelán da man da editorial Impedimenta, con tradución de Cristina Sánchez-Andrade. O libro presentouse onte no Liceo de Ourense, un edificio que como salientou o irmán do autor ourensán, Xabier Casares, sería moi do agrado do escritor, que tivo o Liceo como segunda casa durante moitos anos e nel compartiu momentos con escritores como Juan Cruz, Almudena Grandes ou Rosa Regás. Xabier Casares lembrou como el foi un primeiro lector, furtivo, das páxinas que ía mecanografando Carlos de «Vento ferido» na casa familiar de Xinzo. «Cando dixo que ía escribir un libro, púxenme ao loro, vin que se levantaba á mañá, escribía cun bolígrafo nun escritorio, día tras día; polas tardes mecanografaba as follas e metíaas nun caixón», describiu. Un día, el atreveuse a coller as follas e comezar a lelas, xunto cun amigo, no que foi, dixo, «unha aventura excepcional».

Enrique Redel, editor madrileño de Impedimenta xunto coa súa dona, Pilar Adón, definiu Vento ferido como un libro fundamental na súa formación como lector. Foi o primeiro libro que leu en galego e aínda lle dá voltas na cabeza á frase inicial «Botárono a sortes e tocoume a min», para incidir en que o que queda de moitos libros non é a bondade, senón o sangue, a emoción, a éxtase sentida ao ler ou as frases que repite o escritor. O dono da editorial Impedimenta remarcou as calidades desta primeira obra de Casares: «A súa concisión maxistral, non lle sobra nin unha coma, nin unha sílaba. Está imbuído dunha oralidade viva e apela aos nosos mitos, ás alegorías do que somos». Redel salientou que Casares ten capacidade para manexar «a nostalxia, as palabras que non se din» e definiuno como «un autor radical, punk, valente», pois falaba de cousas sen adornalas. Por iso, afirmou, «Vento ferido foi un antes e un despois na literatura galega».

De aí a decisión de traducir o libro ao castelán, para achegar esta obra como Viento herido a lectores de Andalucía, Arxentina ou México. Considera que esta obra podía levar a firma de Cesare Pavese ou Marguerite Duras. A edición é respectuosa e sae cunha boa tirada, defendeu na presentación no Liceo. Redel mencionou tamén a persoas que coñeceron directamente a Casares e que o recordaban cariñosamente e afirmou que ao autor ourensán non lle gustaba que o etiquetaran dentro da Nova Narrativa Galega.

Hakan Casares, fillo do autor e administrador da Fundación Carlos Casares, agradeceu a edición do libro e destacou a importancia da publicación desta tradución pola oportunidade que supón de chegar a novos lectores. «Con que só un rapaz descubra a Casares, estaría todo pagado», subliñou. Remarcou a universalidade da súa temática a partir das conexións locais, moitas con reminiscencias ourensás.

Na presentación en Ourense non puido estar a tradutora, Cristina Sánchez-Andrade, pois tiña outro compromiso en Madrid, desculpouna o editor.

Hakan Casares, Mar Fernández Vázquez, Xabier Casares y Enrique Redel, en la presentación de  Viento herido  en el Liceo de Ourense

Hakan Casares, Mar Fernández Vázquez, Xabier Casares y Enrique Redel, en la presentación de Viento herido en el Liceo de Ourense – Alejandro Camba

Vinte anos da morte do autor, 55 da publicación orixinal

A filóloga e profesora Mar Fernández Vázquez, que fixo a tese doutoral sobre as columnas en prensa de Carlos Casares, realizou un amplo e exhaustivo repaso aos fitos biográficos que influíron no autor. Mencionou os docentes que o marcaron na infancia en Ourense e que o encamiñaron cara as primeiras lecturas, como Manuel Luis Acuña, que o animou a continuar escribindo tras gañar un primeiro premio literario porque vía nel a un futuro grande autor, as charlas con Vicente Risco e a formación clásica e humanística que recibiu no Seminario. Asegurou que Casares dicía que a súa formación fora autodidacta en moitos aspectos, pero marcada polo encontro con persoas que foron moi importantes para el, como Ramón Piñeiro, na súa etapa en Compostela. Como referentes literarios internacionais de Casares, Mar Fernández citou a Mario Camus ou Cesare Pavese.

Sobre a importancia de Vento ferido, a estudosa apuntou que o editor Francisco Fernández del Riego evitou que un dos contos, Coma lobos, fora censurado e foi o responsable de que o número de relatos sexan doce.

A profesora remarcou as efemérides que se cumpren coa edición en castelán de Viento herido. Publícase 55 anos despois da obra orixinal en galego, que é de 1967. E expande a figura de Carlos Casares a lectores casteláns no vixésimo aniversario do pasamento do autor, que ocorreu en 2002. Asemade, o libro en castelán sae no mesmo ano no que faleceu Xulio Maside, o autor das catro ilustracións de Vento ferido e que se recuperan na edición de Impedimenta, xunto cun retrato de Casares feito en 1993 polo propio Maside. O editor matizou que non pensaran nas efemérides. As ilustracións aportan, dixo Fernández, un sincretismo que conecta con Castelao. Defendeu que clave da obra non é só a violencia, senón a soidade e a defensa dos débiles, temas que sempre apareceron en Casares.

—Maite Rodríguez, La Voz de Galicia, 29 de octubre de 2022